Quen é a tal Paulinha?

Son Paulinha (si, con “NH”), aínda que tamén podes chamarme Paula. Considero que son unha muller fondamente reflexiva, sensible e tan idealista que, por veces, me achego á inxenuidade.

Levo pintando dende que teño uso de razón -ou mesmo antes-. A pintura foi sempre o meu lugar seguro, un espazo ao que acudir cando o mundo pesa, unha forma de expresión necesaria e liberadora.

Con todo, a arte para min non é só terapia nin expresión sen filtro. Detrás de cada obra hai anos de formación, traballo, técnica e pensamento crítico. Hai erros e aprendizaxes, evolución, humildade e perseveranza.

Nacín e crieime no rural profundo e baleirado da Galiza, nunha pequena aldea situada nun val tan fermoso coma remoto. Ese entorno marcou profundamente o meu proceso creativo. Sinto un compromiso moi forte coas miñas raíces, coa lingua galega, coa terra, coa tradición e coa natureza, co rural, tantas veces ignorado e maltratado. Todo isto é parte esencial da miña obra, que busca reflectir identidade, memoria e pertenza.

Como historiadora da arte e amante da mesma, desenvolvín unha serie de obras nas que reinterpretacións de pezas icónicas da Historia da Arte cobran nova vida baixo a miña estética persoal, íntima e simbólica.

Alén diso, levo anos traballando nun proxecto máis introspectivo, centrado na liberación do corpo e da mente da muller fronte ás cadeas impostas socialmente. A través das miñas mouras —mulleres de cabelos roxos, corpos espidos e ceibes— cuestiono o canon de beleza establecido e reivindico unha nova mirada: libre, poderosa e verdadeira e sen límite.

Desde hai máis dunha década traballo principalmente con acuarela, dunha maneira tradicional, a man alzada, con pinceis e pigmentos. Encántame o contacto co papel, mesturar as cores, escoller tons con coidado e saborear cada parte do proceso. A técnica, para min, é tamén unha forma de conexión.

Gústame pensar que noutra vida fun meiga. No meu imaxinario artístico sempre habitan os carballos, os paxariños , a maxia e o outono; símbolos que me acompañan e inspiran unha e outra vez.

Continúo a crear dende unha ollada crítica, poética e fondamente persoal, sen esquecer nunca quen son nin de onde veño.

Este proxecto fai que me sinta profundamente feliz e agradecida.

Grazas por formar parte del e por visitar este recunchiño!